O Museo “Manuel Reimóndez Portela” é un museo local especializado na Estrada urbana e na rural, dous ámbitos que gardan estreita conexión e que non poden tratarse de xeito illado. Sen embargo, estase estudando a posibilidade de transformar paulatinamente a actual ordeación da entidade, fundamentalmente inspirada no eido etnográfico, para dar cabida a tres grandes apartados: a escola do pasado, os xogos e xoguetes e os nenos (sala 2 ou da esquerda); A Estrada rural e urbana (sala 1 ou central) e a vida cotiá (sala 3 ou da dereita). No ano 2005, conforme a un proxecto de Ana Pazos Bernárdez e co financiamento do Plan Leader, efectúase unha remodelación da ala da esquerda que pasa a albergar, na súa parte superior, un amplo local no que se sitúa a biblioteca, sala de investigadores e arquivo, posto a disposición de investigadores, xornalistas, estudantes avanzados e persoas interesadas en consultar os nosos libros, fotos, diarios e documentos.

Atendendo á tipoloxía dos fondos establecemos a seguinte clasificación:

    * Fondos bibliográficos: biblioteca especializada en temas estradenses, así como en libros didácticos e escolares de tódalas épocas.

    * Fondos documentais. Destaca o Fondo Mario Blanco Fuentes, Miguel Nine Novais, Manuel García Barros e outros, entre os que se atopan coleccións de diarios, cartas e unha ampla mostra de documentos entre os séculos XVI e XX.

    * Fondos museográficos, costituidos maioritariamente por obxectos etnográficos, históricos, artísticos e arqueolóxicos, destacando a colección de xoguetes tradicionais e antigos da sala escolar.


    * Fondo fotográfico. Constituído na actualidade por máis de 30.000 fotografías procedentes tanto de particulares coma de fotógrafos profesionais (Fuentes de Oca, Ramos de Codeseda, Ovidio Piso da Estrada … etc.)

    * Fondos administrativos.

De O Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela. A Institución e a exposición permanente. María Carbia Vilar.