O Museo do Pobo Estradense comezou a funcionar no ano 1982, asociado ó Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) de A Estrada. Este mesmo ano inscríbense os primeiros obxectos no correspondente Libro de Rexistro. Uns anos despois, o 24 de outubro de 1986, efectuouse no local social do CIT a constitución da asociación Patronato do Museo do Pobo Estradense e desígnase como presidente a don Manuel Reimóndez Portela.

Á vez que organizaba actividades culturais o Patronato continuaba o labor de recollida de obxectos de interese para o Museo e, xa no 1989, o seu Presidente informa ó Concello por primeira vez da necesidade de contar cun local apropiado no que emprazalos. As peticións pasan a ser máis concretas cando en 1990, coñecendo o proxecto de construcción dun novo matadoiro comarcal, se solicite o edificio do vello para adicalo a Museo. Mais en xullo de 1994, aínda sen rematar as obras de acondicionamento, falece Manuel Reimóndez, pasando a ocupar o cargo de presidente do Patronato don Olimpio Arca Caldas. No 1996 o Museo sitúase xa no novo edificio trasladando a esta nova ubicación tódolos seus fondos. Ó ano seguinte establécese un convenio entre o Excmo. Concello da Estrada e o Patronato do Museo do Pobo Estradense do que resulta a creación do MUSEO DO POBO ESTRADENSE MANUEL REIMÓNDEZ PORTELA, como agora é coñecido, e que pasa a integrarse na Fundación Cultural da Estrada.

Distínguense, polo tanto, dúas entidades:

    * O Museo, dependente da Fundación Cultural da Estrada; aporta o edificio, cobre gastos de mantemento, conservación, funcionamento e servicios; á Fundación pertencen os obxectos ingresados trala sinatura do convenio e tamén nomea Director-Xerente a proposta do Patronato.


Asociación “Patronato do Museo do Pobo Estradense”: constituida por once patróns, ten entidade xurídica propia, aporta certa cantidade de obxectos e propón     Director-Xerente, cargo ocupado na actualidade por don Juan Andrés Fernández Castro.